Traducir (do alemán) en Galiza. Unha aventura, Laureano Araujo

Lunes, 28 de octubre de 2019. Recuperado el 17 de mayo de 2021 con motivo del Día das Letras Galegas.

Es posible que entre los traductores españoles no se conozca muy bien la problemática de la traducción al gallego, especialmente de la traducción de literatura en lengua alemana. Este artículo pretende pues ofrecer una aproximación, personal pero rigurosa –y esperamos que también divertida y estimulante–, a lo que sucede en un lugar donde el mundo se llama Galicia. El lector encontrará aquí la experiencia del autor, un poco de traducción comparada, una crítica del postulado de la traducción transparente y una bibliografía muy básica. Este texto recoge una conferencia del mismo título pronunciada en la Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela el 24 de abril de 2019[1]

O dicionario da RAG recolle tres acepcións da voz aventura: «suceso extraordinario que lle acontece a alguén», «empresa arriscada de resultado incerto» e mais «relación amorosa pasaxeira e sen compromiso». Nas seguintes páxinas imos comprobar se estas tres acepcións poden aplicarse ao labor tradutivo en Galiza, é dicir: imos ver se traducir, no noso país, é unha aventura por partida tripla. Eu sosteño que si. Pero cada tradutor ten a súa historia. Eu, aquí, conto a miña.

Suceso extraordinario que lle acontece a alguén

Unha vez que o tradutor publicou o seu texto, a súa figura persoal é basicamente irrelevante. O autor perde toda a autoridade sobre o que escribiu cando o publica, é dicir, cando llo entrega ao público. Malia os denodados esforzos da mercadotecnia editorial, o autor non pode acompañar os lectores ás súas casas para lles explicar a súa obra, e aínda que estivese dotado do divino don da ubicuidade, realizaría un esforzo ben inútil se o que pretendese fose convencer o público de como debe ser lido o seu traballo. Porque a literatura nace da relación entre un texto e o seu público lector.

En consecuencia, se a miña andaina como autor dalgunhas traducións pode ser interesante é unicamente porque reúne certas características que, en xeral, son comúns ao conxunto dos tradutores galegos: traduzo de maneira ocasional, non podo nin imaxinarme vivir do oficio de tradutor literario, a miúdo son eu, sen máis criterio que o persoal, quen propón os textos que traduzo, e mesmo sufrín a cruel arremetida do enxebrismo. Pero vaiamos por partes.


Se a miña andaina como autor dalgunhas traducións pode ser interesante é unicamente porque reúne certas características que, en xeral, son comúns ao conxunto dos tradutores galegos: traduzo de maneira ocasional, non podo nin imaxinarme vivir do oficio de tradutor literario, a miúdo son eu, sen máis criterio que o persoal, quen propón os textos que traduzo, e mesmo sufrín a cruel arremetida do enxebrismo


Sobre a invisibilidade do tradutor

A crítica literaria tradicional, que está lonxe de desaparecer, adopta un enfoque textocéntrico e crítico-normativo, é dicir: apela aos valores inmanentes do texto para xulgar a súa calidade. De aí que prescriba a lectura dos orixinais e que considere as traducións produtos inferiores. Daquela, para aprehendermos a importancia histórica das traducións no desenvolvemento das literaturas nacionais, cómpre recorrermos, por exemplo, á teoría dos polisistemas, que se desenvolve sobre a base da obra de Itamar Even-Zohar e de Gideon Toury. Lonxe xa de todo textocentrismo, o paradigma polisistémico adopta un enfoque histórico-descritivo e concibe a literatura como un polisistema en constante transformación, e a tradución, que traslada textos dun polisistema a outro –e, polo tanto, non pode ser ignorada como simple Trivialliteratur–, como o punto de contacto entre as literaturas. O papel do tradutor é así o dun manipulador literario que, en constante tensión entre dous sistemas diferentes, toma permanentemente decisións sobre a adecuación dos resultados do seu traballo ao sistema normativo da cultura termo, onde a tradución se insire para cubrir unha necesidade.

Este proceso de comunicación entre sistemas literarios non está exento de certos problemas, un dos cales é o que Lawrence Venuti teoriza baixo o concepto da invisibilidade do tradutor. Unha tradución fluída –é dicir: aceptábel porque respecta o sistema normativo da cultura receptora– constitúe unha ilusión –a ilusión da transparencia– porque parece un texto propio da literatura de chegada. Amelia Pérez de Villar defende este tipo de tradución nas súas agudas reflexións sobre Los enemigos del traductor: «Los traductores […] tienen […] una misión casi imposible de cumplir: que no se note que la traducción es tal, que la lengua de partida brille por su ausencia, que el original prevalezca, pero no se transparente».[2] O problema é que a invisibilidade do tradutor aumenta o que Venuti chama a ethnocentric violence of translation, precisamente porque procura ocultar a diferenza do texto orixe. Pola contra, esta violencia diminúe na medida en que as normas da cultura termo son, en parte, sacrificadas, e o lector é obrigado a afrontar a diferenza lingüística e cultural. Evidentemente, toda tradución leva consigo un certo grao de violencia etnocéntrica. Pero este compoñente é potenciado nas traducións invisíbeis, que non cuestionan para nada as normas da cultura de chegada. Se a tradución non é unha realidade secundaria e marxinal, entón non debe disimularse, debe facerse evidente mediante unha ruptura normativa que rache coa ilusión da transparencia. Tamén Toury cre que unha tradución debe facerse recoñecíbel como tal a través de certas desviacións das normas da cultura de chegada, e Peter Newmark apunta na mesma dirección cando se pregunta:«Por que non pode ás veces unha tradución soar como tal cando o lector sabe que o que ten diante é precisamente unha tradución?»[3].

O caso galego. Entre a presión do sistema español e o desleixo político

Xoán González-Millán apuntou que nos países como Galiza, onde coinciden dúas ou máis culturas, a actividade tradutiva reflicte os choques entre os diferentes sistemas culturais, que se relacionan entre eles dun xeito conflitivo e desigual. Esta é a razón de que a teoría da tradución deba ter moi en conta a falacia da harmonía igualitaria nas relacións interculturais. O poderoso sistema español, coa inxente masa das súas producións, o seu gran prestixio e os seus influentes medios de comunicación, exerce unha presión brutal sobre o sistema galego. Ao público galego, a lingua castelá proporciónalle a inmensa maior parte dos textos que le, de tal maneira que as traducións ao español se comportan como se fosen importacións do sistema galego.

A maiores, en Galiza, a tradución fíxose sempre sen unha translation policy –por empregar o termo de Toury– como a proposta por Darío Xohán Cabana. Cabana observou como a ausencia de demanda –debida á inexistencia dunha oferta significativa e mais á falta de costume– converteu en economicamente problemático o propósito das editoriais de publicaren traducións, e propuxo inducir unha solución pola parte da oferta. Xurdiu así a idea dunha biblioteca universal galega, o proxecto dos mil libros, que sería levado a cabo, nun horizonte mínimo dunha década, por unha sociedade constituída polas editoriais interesadas e mais o Goberno Galego. A Xunta, por desgraza, nunca tivo interese ningún neste proxecto. Por non ter, nin sequera ten hoxe un premio de tradución.

En consecuencia, e dado que os tradutores seguen a traballar sen referencia sistémica ningunha, non é de estrañar que, en xeral, a etioloxía das traducións existentes haxa que buscala, por unha banda, nas preferencias (sobre todo polos clásicos e polos contemporáneos consagrados) e nas (escasas) perspectivas de rendibilidade económica razoabelmente asegurada e inmediata das editoriais (o que explica que a maior parte das obras traducidas se orienten cara ao público infantil e xuvenil e dependan das subvencións públicas); e, por outra banda, no pracer, nas ansias de proxección social e mais nas posicións éticas ou políticas dos tradutores vinculadas á reivindicación cultural.

A tradución de obras en lingua alemá

Jaime Santoro de Membiela atopa, até a Guerra Civil –no contexto do proceso de conformación do nacionalismo galego, como precisa Gonzalo Constenla Bergueiro–, algúns textos que a miúdo semellan máis ben traducións feitas a partir doutras traducións. En xeral, a historia da tradución está inzada destas traducións indirectas, que, segundo Toury, constitúen fenómenos culturalmente relevantes polo seu carácter sintomático. Isto é algo que parece demostrar o sistema literario galego, tan tolerante verbo deste fenómeno. Así, Ramón Otero Pedrayo publica en 1932 unha parte do segundo Fausto de Goethe, e nesa época aparecen varios poemas soltos nas revistas A Nosa Terra e Nós.

Nos anos cincuenta, a tradución de textos alemáns segue a ser anecdótica. Álvaro Cunqueiro distribúe de maneira limitada unha escolla de poemas de Hölderlin que traduce desde o francés; en Pontevedra aparece Musa Alemá, un pequeno volume (inmediatamente secuestrado e queimado polas autoridades da ditadura) cunha antoloxía de poemas traducidos (dun xeito moi discutíbel) por Celso Emilio Ferreiro e Antonio Blanco Freijeiro; e publícanse as traducións ao galego, de Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, do Cancioeiro da poesía céltiga, de Julius Pokorny, e de Da esencia da verdade, de Martin Heidegger. Logo, e até os anos oitenta, o que aparece son basicamente obras de teatro (sobre todo de Bertold Brecht) traducidas maioritariamente do español, cun papel destacado de Manuel Lourenzo como tradutor.

Nos anos oitenta e noventa –na fase de normalización cultural que inaugura o Estatuto de Autonomía– aumenta, en termos xerais, o número de traducións. Para as importacións do alemán destaca, nesta época, a figura de Lois Tobío, a quen lle debemos as traducións d’Os Sonetos a Orfeu, de Rainer Maria Rilke, de Nai Coraxe e mais os seus fillos, de Brecht, e do Fausto, de Johann Wolfgang von Goethe.[4] É concretamente nos anos noventa cando crece dun xeito considerábel o número de traducións do alemán (sobre todo de clásicos), aínda que son moitas máis as obras importadas doutras linguas, empezando polo español (sic!). De todas as traducións actuais ao galego, as que teñen o alemán como lingua orixinal seguramente non superan o 10%.

Pequena historia dunha andaina

Como sucede coa maior parte dos tradutores literarios galegos, os meus traballos neste campo foron máis ben discontinuos.[5] Dei os meus primeiros pasos na revista Ólisbos, que naceu na Facultade de Filoloxía da USC en 1986 cun número 0 que abría un hilarante artigo de Juan José Moralejo Álvarez sobre o pasmoso título da publicación. Non sería até 1994 cando aparecerían as Opinións dun pallaso de Heinrich Böll, unha das novelas máis corrosivas da literatura alemá posterior á Segunda Guerra Mundial, que foi o meu primeiro exercicio importante de tradución. Afortunadamente, máis de dúas décadas despois, en 2018, puiden someter aquel traballo á profunda revisión que tanto necesitaba para unha nova edición.

Esta experiencia permitiume afrontar con solvencia unha tradución particularmente esixente: A morte en Venecia, de Thomas Mann, que apareceu en 1995. Neste prodixio de refinamento formal, de penetración psicolóxica e de crítica cultural, o autor utiliza unha linguaxe sumamente elaborada, representativa dunha sorte de novo clasicismo. Eu non podía recorrer a moitos precedentes estilísticos e acabei por escribir un texto que non resulta ortodoxo en lingua galega, forzada aquí a botar man de todos os seus medios, a crear novos rexistros e a actualizarse para resolver as dificultades chegadas doutro sistema literario. Especialmente interesante foi tamén a oportunidade que me ofreceu o editor de escribir unha introdución relativamente extensa, que me permitiu pór o público lector en antecedentes sobre a miña recepción do texto fonte. Vinte anos despois puiden revisar a fondo esta tradución para volver publicala.


Eu non podía recorrer a moitos precedentes estilísticos e acabei por escribir un texto que non resulta ortodoxo en lingua galega, forzada aquí a botar man de todos os seus medios, a crear novos rexistros e a actualizarse para resolver as dificultades chegadas doutro sistema literario


Recentemente recibín o encargo de traducir os Momentos estelares da humanidade, de Stefan Zweig. Este difícil traballo, que viu a luz en 2018, constituíu para min unha homenaxe a Zweig, por quen sinto unha enorme admiración.[6] Foi, por certo, a primeira vez que, non sen unha sensación de vertixe, afrontei a tradución de poesía. Tiven que verter ao galego nada menos que unha parte da «Elexía de Marienbad», de Goethe, que Zweig incorpora a unha das súas 14 «miniaturas».

Un tradutor conservador

Moitos tradutores franceses insírense na varias veces centenaria tradición infidèle francesa (Jacques Amyot, Joachim du Bellay, Nicolas Perrot d’Ablancourt, etc.) e responden á sofisticada teoría interpretativa (ou teoría do sentido) que Danica Seleskovitch difundiu nos anos oitenta e noventa do século XX desde a École Supérieure d’Interprètes et de Traducteurs de París e que, exclusivamente fiel ao sentido, persegue unha recreación do contido liberada da influencia do texto orixe. As traducións infidèles adoitan ser realmente fermosas, pero invisibilizan ao máximo o tradutor como tal e presentan un moi elevado grao de violencia etnocéntrica que me fai sentir sumamente incómodo. Por iso, se tivese que acollerme a unha das categorías de André Lefevere a que se refire González-Millán, diría que son un tradutor máis fiel que destemido. O texto fonte, para min, é, de feito, titular dunha autoridade que non me permito cuestionar.

Algunhas traducións do parágrafo final d’A morte en Venecia poden servir para ilustrar o que quero dicir cando afirmo que son un tradutor fiel, esencialmente alérxico ás transgresións:

Minuten vergingen, bis man dem seitlich im Stuhle Hinabgesunkenen zu Hilfe eilte. Man brachte ihn auf sein Zimmer. Und noch desselben Tages empfing eine respektvoll erschütterte Welt die Nachricht von seinem Tode. (Thomas Mann)[7]

Pasaron algúns minutos antes de que acudisen a socorrer o home caído para un lado da cadeira. Foi levado ao seu cuarto. E aínda no mesmo día, un mundo respectuosamente conmovido recibiu a noticia da súa morte. (Tradución galega de Laureano Araujo)[8]

Decorreram alguns minutos antes que alguém corresse em auxílio do ancião que teve um colapso na sua cadeira. Levaram-no para o hotel. E, antes de anoitecer, o mundo, respeitoso e comovido, recebeu a notícia da sua morte. (Tradución portuguesa, autoría non indicada)[9]

Pasaron varios minutos antes de que acudieran en su ayuda: se había derrumbado sobre el brazo de la tumbona. Lo llevaron a su habitación, y, aquel mismo día, un mundo respetuosamente conmovido recibió la noticia de su muerte. (Tradución española de Juan del Solar)[10]

Hubieron de pasar unos momentos antes de que alguien acudiera en auxilio del que se había desplomado a un lado de la silla. Y aún aquel mismo día, el mundo, estremecido y respetuoso, recibió la noticia de su muerte. (Tradución española de Ferenç Olivér Brachfeld)[11]

Passarono minuti prima che accorressero in aiuto dell’uomo caduto sul fianco, nella poltrona. Lo portarono in camera sua. E il giorno stesso, un mondo impressionato e deferente apprese la notizia della sua morte. (Tradución italiana de Salvatore Tito Villari)[12]

Minuti passarono, prima che si corresse in aiuto dell’accasciato su un fianco. Lo portarono in camera sua. Lo stesso giorno, a un mondo rispettosamente commosso pervenne l’annunzio della sua dipartita. (Tradución italiana de Bruno Maffi)[13]

Passarono alcuni minuti; finalmente qualcuno accorse in aiuto dell’uomo abbattutosi sul fianco della poltrona. Lo trasportarono in camera sua. E quello stesso giorno un mondo reverente e attonito ebbe l’annunzio della sua morte. (Tradución italiana de Emilio Castellani)[14]

Passarono alcuni minuti prima que qualcuno accorresse in aiuto dello scrittore che si era accasciato su un fianco. Lo trasportarono in camera sua. E il giorno stesso il mondo accolse con reverente commozione la notizia della sua morte. (Tradución italiana de Enrico Filippini)[15]

Passarono alcuni minuti prima que qualcuno accorresse in aiuto del poeta che s’era accasciato su un fianco. Lo portarono in camera sua. E il giorno stesso il mondo apprese con reverente commozione la notizia della sua morte. (Tradución italiana de Anita Rho)[16]

Minuti trascorsero prima che s’accorresse in aiuto dell’uomo afflosciatosi nella sedia su un fianco. Lo si portò in camera sua. E già quello stesso giorno il mondo apprese, con reverente commozione, la notizia della sua morte. (Tradución italiana de Francesco Saba Sardi)[17]

Quelques minutes s’écoulèrent avant que l’on accourût au secours du poète dont le corps s’était affaissé sur le bord de la chaise. On le monta dans sa chambre. Et le jour même la nouvelle de sa mort se répandit par le monde où elle fut accueillie avec une religieuse émotion. (Tradución francesa de Félix Bertaux)[18]

Quelques instants plus tard on accourait à son secours : il s’était affaissé sur le bras de la chaise ; on le porta dans sa chambre. Et le jour même, dans le respect et l’émotion, on apprenait partout la nouvelle de sa mort. (Tradución francesa de Philippe Jaccottet)[19]

Some minutes passed before anyone hastened to the aid of the elderly man sitting there collapsed in his chair. They bore him to his room. And before nightfall a shocked and respectful world received the news of his decease. (Tradución inglesa de Helen Tracey Lowe-Porter)[20]

Hai algunhas dificultades neste parágrafo. En primeiro lugar, aparece unha substantivación complicada: der Hinabgesunkene. Na miña solución –o home caído– quixen incorporar un matiz metafórico que crin percibir. Pero hai cinco casos que conteñen aparatosas descricións con elementos non presentes no texto orixe: o ancião que teve um colapso, o scrittore che si era accasciato, o poeta che s’era accasciato, o poète dont le corps s’était affaissé e o espectacular the elderly man sitting there collapsed, obra de Helen Tracey Lowe-Porter, cuxo nome mencionaremos máis veces.

En segundo lugar, esta é a historia da derradeira viaxe de Gustav von Aschenbach. Por iso penso que a derradeira palabra do texto orixe –Tod– debería ser tamén a derradeira da tradución. Ademais, esta palabra é Tod porque tras a morte está o silencio; un silencio, neste caso, cargado de significado irónico. E tampouco debemos esquecer que o título comeza referíndose precisamente á Tod. Por iso non é doado imaxinar a razón dos eufemismos elixidos en dous casos –dipartita e decease (este de Lowe-Porter)– nin tampouco a da mort de Félix Berteaux colocada ben lonxe do final. (Como xa observaría o lector máis avisado, Berteaux é un exemplo perfecto de tradutor destemido. A súa tradución infidèle, invisíbel ou transparente, é extraordinariamente fermosa.)

É curioso, por certo, que Ferenç Olivér Brachfeld e Philippe Jaccottet atopen motivos para non traduciren literalmente Minuten e opten por momentos e instants. Por outra banda, que Aschenbach caia seitlich é algo que o tradutor portugués descoñecido e mais –como non?– Lowe-Porter non consideran necesario indicar; criterio que non comparten nin Bertaux –quen, con todo, se limita a indicar un impreciso bord– nin tampouco Juan del Solar e Philippe Jaccottet –quen, pola contra, sitúan nese lugar lateral da cadeira un brazo ou bras que o narrador esqueceu mencionar–. Está claro, en todo caso, que Aschenbach senta im Stuhle, conque resulta moi rechamante que tres dos seis tradutores italianos pasasen por alto este detalle. Finalmente, se os lectores da tradución portuguesa anónima e os de Brachfeld ignoran que o escritor foi levado para o seu cuarto antes de que a nova da súa morte se espallase, quen lea a mesma tradución portuguesa ou a versión de Lowe-Porter –a autora estadounidense que durante máis de vinte anos monopolizou a tradución da obra de Mann ao inglés, moi criticada (empezamos a intuír por que) por outros tradutores como David Luke– terá cumprida información do momento en que se difundiu a noticia, que foi antes de anoitecer ou before nightfall, algo que, polo visto, o propio narrador do texto orixe non chegou a saber con tanta precisión, polo que tivo que limitarse a sinalar vagamente que foi desselben Tages.

Empresa arriscada de resultado incerto

Ao chegarmos á segunda das acepcións que o dicionario propón para a voz aventura, cómpre acudirmos de novo a Cabana, quen sinala como algunhas traducións pecan dun exceso de enxebrismo porque están feitas como se pretendesen elaborar «mostrarios de excepcións para ilustrar gramáticas» ou «un compendio dos recursos «diferenciais» do galego».[21] Lembrei esta observación tan sagaz cando, en 1995, se publicou a miña tradución d’A lenda do santo bebedor, exquisita obra póstuma de Joseph Roth que apareceu nas librarías totalmente alterada por parte dun directivo da editorial que introduciu un milleiro (sic!) de variacións nun texto de 75 páxinas. Aquel celoso vixía do enxebrismo pasou por alto a nimiedade de non saber alemán e teimou en deixar a súa particular e esmagadora pegada no texto, amosando o irrenunciábel que considera o uso incansábel dos recursos expresivos xenuínos do galego –dos cales fixo, de feito, un uso case narcotizante– e o requintado que entende o seu xeito de alterar o texto estilisticamente. Porque: pode haber un libro autenticamente galego que non inclúa o adverbio abofé, ou a interxección madía leva!, ou unha boa dose de pronomes de solidariedade?

Obviamente, o meu traballo só serviu para ser utilizado pola editorial para elaborar o texto definitivo a publicar. Non me resisto a citar novamente a Newmark:

Resulta certamente irónico que […] moitos dos críticos de obras traducidas descoñezan o orixinal e mesmo a propia lingua estranxeira, e que o único que valoren á hora de criticar unha peza traducida sexa o seu grao de naturalidade, fluidez, lexibilidade e a ausencia de interferencias, criterios todos eles a miúdo equivocados[22].

E resulta, a maiores, verdadeiramente irritante que un «crítico» deste tipo poida estar colocado nunha posición en que se sente lexitimado para manipular alegremente unha tradución feita por quen, nunha intensa actividade crítico-literaria, puxo nela todo o seu saber. Se mesmo os tradutores máis cualificados cometen erros graves, que non fará un editor-«crítico»-revisor que nin sequera é quen de ler o texto fonte?


 Fan falta compromiso, autoesixencia, rigor, sacrificio, resistencia. A sociedade debería ter ben presente que, se a tradución, como entende Newmark, é unha ciencia, unha técnica, unha arte e unha cuestión de gusto, no caso galego é, ademais, unha cuestión de vida ou morte para a cultura nacional


Relación amorosa pasaxeira e sen compromiso?

Chegamos así á última das tres acepcións que o dicionario nos ofrece para a voz aventura. Xa vimos como traducir –e, desde logo, traducir en Galiza– pode ser unha experiencia extraordinaria e non exenta de riscos, incertezas e mesmo desgustos. Para emprendermos unha aventura así, aínda por riba mal pagada e apenas recoñecida, fai falta asumirmos que a tradución literaria é unha actividade ocasional e inestábel da cal é practicamente imposíbel vivir. No que, neste caso, debemos discrepar do dicionario, é na idea da falta de compromiso. Fan falta compromiso, autoesixencia, rigor, sacrificio, resistencia. A sociedade debería ter ben presente que, se a tradución, como entende Newmark, é unha ciencia, unha técnica, unha arte e unha cuestión de gusto, no caso galego é, ademais, unha cuestión de vida ou morte para a cultura nacional. Aínda que, alén de todo isto, para min foi e segue a ser, felizmente, unha grande aventura.

 

Bibliografía

Araujo Cardalda, Laureano Xoaquín, «A traducción literaria en Galicia: algunhas reflexións e unha experiencia persoal», Galicien-Magazin, 14, Dezember 2003, 12-18.

–«A luz na noite do efémero. Os Momentos estelares de Stefan Zweig», Praza Pública, 7 de agosto de 2018a. [En liña] Acceso 31/08/2019.

https://praza.gal/opinion/a-luz-na-noite-do-efemero-os-lmomentos-estelaresr-de-stefan-zweig

– «O alemán no ensino público galego. How would Tobío do it?», ib., 20 de novembro de 2018b. [En liña] Acceso 31/08/2019.

https://praza.gal/opinion/o-aleman-no-ensino-publico-galego-lhow-would-tobio-do-itr

Cabana, Darío Xohán, «Unha modesta proposición: traducir mil libros ao galego», A Trabe de Ouro, I, I, 1, xaneiro, febreiro, marzo de 1990, 79-82.

– «Sobre traduccións», Diario 16 de Galicia, 18 de xullo de 1992, III/Galicia literaria.

– «Digresións sobre traducción literaria e literatura nacional», Grial, XLI, 157, xaneiro, febreiro, marzo de 2003, 72-79.

Constenla Bergueiro, Gonzalo, «Evolución das traducións ao galego: das orixes ao século XXI», en Mosquera Carregal, Xesús Manuel (ed.), Lingua e tradución. IX Xornadas sobre lingua e usos. A Coruña, novembro 2012, A Coruña, Universidade da Coruña, 2013, 83-100.

Cruces, Susana, «A posición da literatura traducida no sistema literario galego», Boletín Galego de Literatura, 10, novembro de 1993, 59-65.

Even-Zohar, Itamar, «Polysystem Theory», Poetics Today, 11, 1, Spring 1990, 9-85.

Galanes Santos, Iolanda, «Literaturas extranjeras en la cultura gallega», en Luna Alonso, Ana, e outras (eds.), Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega, Bern, Peter Lang, Colección Relaciones literarias en el ámbito hispánico: traducción, literatura y cultura, 11, 2015, 43-61.

Gallego Roca, Miguel, «La teoría del polisistema y los estudos sobre traducción», Sendebar, 2, 1991, 63-70.

González-Millán, Xoán, «Cara a unha teoría da traducción para sistemas literarios ‘marxinais’. A situación galega», Viceversa. Revista galega de traducción, 1, 1995, 63-72.

Kabatek, Johannes, «Friedrich Hölderlin en galego (con especial referencia ás traduccións de Álvaro Cunqueiro)», Boletín Galego de Literatura, 20, 2º semestre de 1998, 5-22.

Montero Küpper, Silvia, «Paratranslatorische Aspekte der deutsch-galicischen Übertragungen seit 1983», en Jarillot Rodal, Cristina (ed.), Bestandsaufnahme der Germanistik in Spanien. Kulturtransfer und methodologische Erneuerung, Bern, Berlin, Bruxelles, Frankfurt am Main, New York, Oxford, Wien, Peter Lang, 2010, 801-809.

– «Situación de partida y análisis de las iniciativas de apoyo a la traducción en Galicia», en Luna Alonso, Ana, e outras (eds.), Literaturas extranjeras y desarrollo cultural. Hacia un cambio de paradigma en la traducción literaria gallega, Bern, Peter Lang, Colección Relaciones literarias en el ámbito hispánico: traducción, literatura y cultura, 11, 2015, 15-42.

Newmark, Peter, Manual de traducción (trad. galega de Francisco Xabier Fernández Polo), Santiago de Compostela, Universidade de Santiago de Compostela, Colección Lingua franca, 2, 1993.

Noia Campos, María Camino, «Historia da traducción en Galicia no marco da cultura europea», Viceversa. Revista galega de traducción, 1, 1995, 13-62.

Pérez de Villar, Amelia, Los enemigos del traductor. Elogio y vituperio del oficio, Madrid, Fórcola, Colección Singladuras, 31, 2019.

Santoro de Membiela, Jaime, «Recepción alemana e identidade literaria galega: o papel das traduccións», Anuario de Estudios Literarios Galegos, 1999, 149-162.

Toury, Gideon, Descriptive Translation Studies and beyond, Amsterdam/Philadelphia, John Benjamins, Colección Benjamins Translation Library, 4, 1995.

Venuti, Lawrence, The Translator’s Invisibility. A History of Translation (pref. de Susan Bassnett e André Lefevere), London/New York, Routledge, Colección Translation Studies, 1995.

[1] Tamén Araujo Cardalda, 2003.

[2] Pérez de Villar, 2019, 54-55.

[3] Newmark, 1993,287.

[4] V. Araujo Cardalda, 2018b.

[5] Por orde alfabética dos autores traducidos: Bichsel, Peter, «Saúdos de Iódok» (trad., pres. e notas), Ólisbos. Os amantes da palabra, 4, febreiro 1988, 14-23; Böll, Heinrich, Opinións dun pallaso (trad., pres. e notas), Oleiros, Tambre, 1994, e (trad. e notas), Cangas do Morrazo, Rinoceronte, Colección Nova, 13, 2018; Buzzati, Dino, «O corredor do gran hotel» (trad. e pres.), Ólisbos. Os amantes da palabra, 5, decembro 1988, 6-13; Goscinny, René, e Jean-Jacques Sempé, «Estou enfermo» (trad. e pres.), ib., 7, xaneiro 1990, 6-10; Kafka, Franz, «Perante a Lei» (trad. e pres.), ib., 8, 1990, 19-23; Lenz, Siegfried, «A viaxe a Oletzko» (trad. e pres.), ib., 6, maio 1989, 45-47; Mann, Thomas, fragmento d’A morte en Venecia (trad. e pres.), ib., 9, 1990, 9-15, A morte en Venecia (trad., pres. e notas), Oleiros, Tambre, 1995, e Cangas do Morrazo, Rinoceronte, Colección Clásica, 14, 2015; Roth, Joseph, A lenda do santo bebedor (trad.), Santiago de Compostela, Sotelo Blanco, Colección Medusa, 1995; Stucki, Andreas, Las guerras de Cuba. Violencia y campos de concentración (1868-1898), Madrid, La Esfera de los Libros, 2017; Zweig, Stefan, Momentos estelares da humanidade (trad. e notas), Pontevedra, Kalandraka / Faktoría K de Libros, Colección Ágora K, 2018.

[6] V. Araujo Cardalda, 2018a.

[7] Mann, Thomas, Frühe Erzählungen. 1893-1912, Frankfurt a. M., Fischer, Colección Grosse kommentierte Frankfurter Ausgabe, 2.1, 20082 [2004], 592.

[8] Mann, Thomas, A morte en Venecia (pres. e notas de Laureano Araujo), Cangas do Morrazo, Rinoceronte, Colección Clásica, 14, 2015, 144.

[9] Mann, Thomas, Os melhores contos de Thomas Mann (pref. de Domingos Monteiro, sel. de Manuel de Seabra), [Lisboa,] Arcádia, Colección Antologia, [19662,] 95.

[10] Mann, Thomas, La muerte en Venecia e Mario y el mago (pról. de Francisco Ayala), Barcelona, Edhasa, Colección Pocket-Edhasa, 25, 19907 [1978], 116.

[11] Mann, Thomas, La muerte en Venecia, Barcelona, Destino, 19822 [1979], 160.

[12] Mann, Thomas, Tonio Kröger, La morte a Venezia e Cane e padrone (intr. de Giorgio Cusatelli), [Milano,] Garzanti, Colección i grandi libri, 200118 [1965],156.

[13] Mann, Thomas, La morte a Venezia (intr. de Cesare Cases), Milano, Rizzoli, Colección Biblioteca Universale Rizzoli, 59, 19814, 115.

[14] Mann, Thomas, La morte a Venezia, Tristano e Tonio Kröger, Milano, Oscar Mondadori, Colección Oscar classici moderni, 8, 200115 [1988], 81.

[15] Mann, Thomas, La morte a Venezia, Tonio Kröger e Tristano (epíl. de Furio Jesi), Milano, Feltrinelli, Colección I Classici. Universale Economica, 2014, 20029 [1991], 69.

[16] Mann, Thomas, La morte a Venezia, Torino, Einaudi, Colección Einaudi Tascabili. Letteratura, 21, 20029 [1990], 98.

[17] Mann, Thomas, La morte a Venezia, Tristano e Cane e padrone, Milano, I Giganti di Gulliver, 1995, 76.

[18] Mann, Thomas, La mort à Venise suivi de Tristan (intr. de Geneviève Bianquis), Paris, Arthème Fayard, Colección Le Livre de Poche, 1513, 1971, 130.

[19] Mann, Thomas, La mort à Venise, Lausanne, La Bibliothèque des Arts, Colección Pergamine, 1994, 182. Precisamente con este texto, publicado por primeira vez en 1947, comezou Jaccottet, o prolífico autor suízo, a súa andaina como tradutor.

[20] Mann, Thomas, Death in Venice, and seven other stories, New York, Random House / Vintage International, 1989, 73.

[21] Cabana, 1992.

[22] Newmark, 1993,287.

Laureano Xoaquín Araujo Cardalda es  doctor en ciencia política y licenciado en derecho por la USC. Profesor de carrera de enseñanza secundaria y funcionario en excedencia de la Administración de la Xunta de Galicia, ha sido subdirector académico de la Escola Galega de Administración Pública y secretario de redacción de la Revista de Investigaciones Políticas y Sociológicas. Ha traducido al gallego, entre otras obras, las Opiniones de un payaso de Heinrich Böll, La muerte en Venecia de Thomas Mann y los Momentos estelares de la humanidad de Stefan Zweig, y es el autor del poemario Os días condenados. Fragmentos para un devocionario.

https://laureanoaraujo.blogspot.com/